O sistema educativo de Ontario: reflexións trala miña estadía.

Posiblemente xa vos estaredes preguntando porqué non me refiro ao sistema educativo canadense; pois ben, como en España, as comunidades ou, no caso de Canadá, as provincias, teñen o seu propio currículo e a súa organización, se ben este non conta con grandes diferenzas.


España é un país relativamente pequeno en extensión pero cunha grande diversidade e riqueza cultural. Paralelamente, Canadá é o segundo país máis grande do mundo polo que a realidade do alumnado cambia significativamente e así debe adaptarse o currículo educativo.



Unha vez aclarado isto, tentarei describir brevemente as principais características do sistema educativo da provincia de Ontario e, máis concretamente, do distrito de Ottawa-Carleton.

En primeiro lugar, gustaríame mencionar unha similitude en canto á titularidade dos centros xa que existen as denominadas "public schools" e as "catholic schools"; estas últimas serían o equivalente ás nosas escolas concertadas relixiosas. Igualmente, tamén existen centros privados en todas as etapas educativas.

No que se refire precisamente ás etapas educativas a distribución cambia con respecto a España, sendo, curiosamente similar ao período da LOGSE en España; isto é:

  • Childcare (de 0 a 4 anos)- primeira etapa educativa equivalente ás nosas gardarías pero cunha duración dun ano máis no caso de Ontario. Esta idade varía en cada provincia xa que, por exemplo, en British Columbia dura ata os 5 anos.
  • Kindergarten (de 4 a 6 anos)- como acabo de mencionar, en Ontario a Educación Infantil dentro das escolas dura dous anos, polo que se retrasa un ano a entrada con respecto a España.
  • Elementary (de 6 a 14 anos: grades 1-8)- a etapa de primaria é equivalente a antiga E.X.B. polo que normalmente os colexios son máis grandes e contan con máis alumnado que aquí.
  • Secondary (de 14 a 18 anos: grades 9-12)- a principal diferenza co noso sistema educativo nesta etapa reside no feito de que non existe un exame final do que dependa o seu acceso á universidade.
  • Post Secondary- esta etapa é similar na meirande parte dos países de orixe saxona xa que se divide entre College e University, dependendo a elección da formación que se queira obter.

Cómpre salientar que a educación obligatoria en Ontario e New Brunswick é ata os 18 anos polo que abrangue dende Kindergarten a Grade 12, mentres que no resto de provincias coincide con España, é dicir, ata os 16 anos de idade.

Dentro deste apartado e dado o alto número de emigrantes que recibe este país, resulta necesario mencionar  as distintas opcións que se ofrecen dentro da educación para adultos ou Adult Learning: Literacy and basic skills, Ontario high school diploma, General Education Development Certificate, e Academic Career entrance.

En canto ás áreas que se imparten, non existen grandes diferenzas. O alumnado conta con  materias tales como: Arts, Health and Physical Education, Language, Mathematics, Science and Technology, Social studies, History and Geography, Native language (First Nations, Métis, Inuits) French (core ou second language).



Quizais as principais singularidades deste sistema residen no tratamento das linguas oficiais debido a que en todas as escolas se ofrecen dous itinerarios posibles: o denominado French Immersion, consistente en ter todas as materias en francés coa excepción das áreas de Inglés e Matemáticas ou English, no que todas as materias se imparten nesta lingua pero contan cunha hora diaria de Francés como segundo idioma.

Durante a miña estadía puiden observar que, pese a esta inmersión, os nenos e nenas teñan como lingua vehicular entre eles/as o inglés, aínda que moitos/as deles/as teñen outra lingua materna a maiores. Ademáis decateime de que os criterios para escoller itinerario, se ben as familias teñen a derradeira palabra, consisten nas "capacidades" do alumnado, polo que se mostran algunha necesidade específica de apoio educativo, son trasladados ao itinerario de Inglés. Este tema foi moi debatido e xerou moita controversia entre os mestres galegos que estabamos alí xa que mesmo aos docentes canadenses, lles resulta unha maneira de segregar aos estudantes en lugar de abogar pola inclusión educativa da que presume o sistema. Tamén en relación coa inclusión se atopa o caso dos nenos e nenas de orixe indíxena; na miña experiencia, non puiden ver como se integraba este alumnado nin como se impartían as denominadas Native languages, aínda que era algo que verdadeiramente me interesaba.

Outro aspecto que chamou a atención de todos nós (profesorado PIALE) foron os recursos persoais cos que contan os centros e a ausencia de mestres/as especialistas na etapa de Primaria. Deste modo, o titor ou titora é o/a encargado/a de impartir todas as áreas coa excepción no caso do itinerario en inglés, da materia de Francés e, no caso do itinerario de inmersión en francés, das materias de Matemáticas e Inglés.

Se ben existe a figura dun mestre/a de apoio/reforzo ou como eles lle chaman "Empowerment" ao que
acuden durante unha sesión tres veces por semana os nenos e nenas cuxos/as mestres/as así o determinen. Este reforzo adoita consistir principalmente na mellora das habilidades de lectoescritura.

Outro aspecto que difire co noso sistema é a existencia dun mestre/a sustituto/a (supply teacher) dentro de cada centro e algunhas persoas sustitutas máis que teñen asignada unha zona escolar concreta e rotan segundo as necesidades dos centros. Consecuentemente, ningún docente conta con horas de garda dentro do seu horario lectivo, senón que son estas persoas as encargadas de cubrir as horas de ausencia dos/as profesores/as titores/as.

Outras figuras coas que contan é cos denominados/as "educator assisstants" e  os/as "instructional coaches". Os/As primeiros/as son persoal que traballa dentro das aulas como apoio aos mestres/as cando se considera necesario (problemas conductuais, necesidades educativas, etc.). Por outra banda, os/as coaches son persoas externas aos centros educativos que acuden ás aulas para facer un seguimento do alumnado, aconsellar e ofrecer un apoio extra cando este se solicita.

No caso da etapa de Educación Infantil, se ben as aulas son máis numerosas, tamén contan con máis persoal dentro da aula xa que, polo menos nas clases nas que tiven a posibilidade de entrar, había un/ha mestre/a, un/ha "early childhood educator" e un/ha "educator assistant". Deste xeito poden ofrecer unha atención máis individualizada ao alumnado.

Os/as alumnos/as con NEAE, mencionados ao falar do "Empowerment", tamén merecen especial atención. Existe unha diferenza entre os/as nenos/as cun Individual Study Plan (ISP) debido a múltiples causas como pode ser TDAH, TEA, TEL, Trastorno negativista-desafiante, discapacidade intelectual, entre outras; e adaptacións curriculares temporais para reforzar a aprendizaxe do inglés dado o seu descoñecemento do idioma, propiamente para alumnado estranxeiro, ao que chaman ESL. Á hora de avaliar os seus progresos, no report que se entrega ás familias, aparece reflectido a súa condición de ISP ou ESL. Como xa comentei anteriormente, ambos casos son numerosos dentro das aulas do itinerario de inglés, cuxos/as mestres/as ven dificultado o seu traballo coa mestura de dous niveis nun mesmo grupo, como era o caso da miña aula de referencia no que había alumnado de segundo e terceiro grado.

A continuación móstranse algúns dos recursos cos que os colexios contan para facilitar a aprendizaxe do alumnado con ISP.


A metodoloxía é quizais a esencia e o principal motivo da nosa estadía nos centros canadenses xa que é o máis sinxelo de "importar". A organización dos espazos e dos tempos xunto co uso de estratexias metodolóxicas innovadoras sempre resultan interesantes á hora de coller novas ideas. As que máis chamativas me resultaron foron, entre outras, o uso de "estacións" para as materias de lingua e matemáticas, a estructuración da xornada lectiva seguindo unha rutina bastante marcada e a maneira de presentar calquera contido cunha explicación detallada dos procedementos e moi secuenciada en pasos seguida sempre dunha parte meramente práctica.


Xa que se trata dunha parte importante voume deter un pouco máis na explicación dalgúns detalles que resultaron do meu interese:

A distribución da xornada lectiva era moi similar en todas as aulas e niveis. Na miña clase de referencia, despois de quitar toda a roupa e o calzado de neve, coller os seus almorzos, augas e axendas, subíase á clase. Transcurridos sobre 10 minutos, soaba o himno canadense para o que toda a comunidade escolar se paraba e cantaba de pé; posteriormente escoitábanse os anuncios do día e daban comezo as clases en si. O alumnado sacaba as súas axendas e escribían as denominadas "palabras da semana" - dada a irregularidade do inglés en canto á ortografía, adícase gran parte da materia de lingua á correcta aprendizaxe da mesma. A continuación a titora realizaba uns dez ou quince minutos de lectura en voz alta mentres os/as estudantes podían debuxar, facer sopa de letras... que acababa cando chegaba a mestra de francés como segunda lingua. Despois desta sesión, había diferentes materias cada día que adoitaban ser Educación Física, Música, Arte ou Ciencias Sociais ou Naturais, xa que tralo primeiro período de comida e lecer ("Nutrition Break"), había o denominado "Daily Five" consistente en varias estacións polas que os/as alumnos/as van rotando. Entre as actividades a realizar atópanse "spelling" ou ortografía, lectura silenciosa, lectura a un compañeiro, escoitar historias no ordenador e o obradoiro de escritura de distintos tipos de textos. Seguidamente tiñan outro "Nutrition break" no que comían na aula supervisados/as por algún/ha compañeiro/a dun curso superior ata que soaba un timbre que lles indicaba que debían baixar a vestirse para saír ao patio ou acudir algunha actividade dalgún equipo ou asociación. Tanto os patios como as devanditas actividades eran supervisadas polos/as mestres/as "on duty" para o que seguen unhas quendas. Outra materia que tiña esta estrutura de traballo en pequeno grupo é Matemáticas, cuxas actividades eran número ou problema do día, xogos matemáticos no ordenador, exercizos de matemáticas relacionados cos contidos que se están traballando nese momento e xogos matemáticos con materiais manipulativos. Os últimos dez minutos da xornada tendían a practicar "cosmic yoga" ou mindfulness para os que tiñan pedras con mensaxes deseñadas por eles/as mesmos/as. A práctica máis común era reflexionar sobre as razóns polas que deben de estar agradecidos. Deste xeito os/as rapaces/zas marchaban para as súas casas tranquilos/as e relaxados/as.


A motivación tamén é un aspecto moi coidado do sistema educativo. Dentro das aulas a maneira de dirixirse aos alumnos e alumnas sempre é dende a positividade e exércese en todo momento a denominada disciplina positiva. Poténciase sempre as fortalezas dos nenos e nenas, ao mesmo tempo que se valoran e comentan os esforzos e progresos constantemente. Isto conleva unha maior seguridade e o reforzo da autoestima nos/as estudantes, o cal resulta esencial no seu desenvolvemento.


As relacións entre iguais tamén se coidan especialmente. Trabállase dende pequenos/as e inténtase que o alumnado respete as diferenzas de calquera índole presentes en todas as aulas (culturais, relixiosas, de identidade, etc.) Consecuentemente, o bullying resulta practicamente inexistente.

As normas tenden a estar penduradas en todas as aulas, rodeadas de frases positivas. Para manter este ambiente agradable e positivo nas aulas, empréganse técnicas como encher, a través do bo comportamente, un frasco con pedriñas de cores de tal xeito que cando este se encha, obteñen un privilexio como pode ser ver unha película un venres.


Algunhas estratexias para chamar a atención do alumnado que me pareceron curiosas son: acabar frases tales como "Hands on top" a que eles/as debían contestar "that means stop", ou a canción de "Paparapapa"; ou mesmo repetir un ritmo dando palmas ou facer xestos segundo a frase que di o/a titor/a "frog in space, frog on a tree...".

Os venres eran días máis relaxados nos que había temáticas como "Crazy hat day" ou "crazy socks day". Ademáis as actividades eran menos académicas e máis lúdicas. Así mesmo, levaban a cabo proxectos anuais entre grupos de distintos niveis que tiñan lugar neste día. Entre as accións das que puiden ser testemuña están "reading buddies" (lectura a colegas), ou xogos de distinta natureza.

Por último, cómpre falar da avaliación que tantos quebradeiros de cabeza causa aos docentes. Durante a miña estadía na escola, a miña mestra de referencia na empregaba rúbricas para avaliar as súas producións escritas, realizaba lecturas graduadas individualmente para comprobar o nivel numérico no que se atopaba cada alumno, realizou algunha proba escrita de matemáticas e a miúdo consultaba os manuais de referencia cos que conta todo o profesorado para coñecer os obxectivos a acadar polo seu alumnado.

Ao igual que en Galicia, existen tres avaliacións para o seguimento dos/as estudantes. Xusto a semana anterior á miña chegada tivo lugar a primeira delas. A diferencia do noso sistema no que se leva a cabo unha xunta de avaliación, o/a titor/a é o/a único/a responsable de avaliar ao seu alumnado xa que non existen mestres especialistas. Elaboran os denominados reports nos que se inclúe información sobre hábitos de traballo e estratexias de aprendizaxe (responsabilidade, organización, colaboración, iniciativa, traballo individual, autorregulación) e como melloralos, así como se o seu progreso nas distintas materias mencionadas se fai con ou sen dificultade. Estes reports son comentados coas familias nun día en concreto no que os nenos e nenas non acuden ao colexio.

A reflexión sobre a súa propia aprendizaxe é unha ferramenta utilizada con frecuencia mediante, por exemplo, a escritura dun simple post it no que fan un comentario sobre algún aspecto da clase dese día ben sexa o que máis lles gustou , o que lles resultou máis difícil, do que lles gustaría aprender máis, etc. para despois facer unha posta en común, o cal, ao mesmo tempo, lle serve ao mestre/a para valorar a súa propia labor.

Para aqueles que queiran  profundizar máis sobre este tema, a continuación deixo o enlace á páxina web do Ministerio de Educación de Ontario así como a do colexio no que estiven:
https://www.ontario.ca/page/ministry-education
https://stevemacleanps.ocdsb.ca/

No hay comentarios:

Publicar un comentario