O día 11 de novembro, ben cedo (05:00 a.m.) comezaba a nosa aventura de viaxe cara Canadá. Tras unha breve parada en Madrid, partimos cara Toronto. Debido a primeira tormenta de neve, o que ía ser só unha escala máis, resultou nunha noite nesta cidade xa que o voo que nun principio saía con retraso pasou a estar cancelado. Consecuentemente, a nosa chegada ao destino final, Ottawa, fíxose esperar un día. Iso si, pese ao frío, déronnos unha cálida benvida á cidade, que celebramos cunha comida conxunta nun restaurante grego da zona chamada Little Italy. Esa mesma tarde cada un de nós coñeceu á familia coa que ía estar durante este mes e puidemos, por fin, instalarnos e descansar.
Ao día seguinte, na sede da organización do noso programa, sita na céntrica Albert Street, comezou o plan de orientación, no que se trataron aspectos tales como o funcionamento do transporte público e como moverse pola cidade, como manexarse co diñeiro e o costume de deixar propina, peculiaridades da cultura canadense, susceptibles de atoparnos nas familias de acollida, etc.
Esa mesma tarde, realizamos un tour para familiarizarnos cos elementos máis característicos da capital canadense e coñecer un pouco da súa historia. Aínda, co jet lag no corpo, demos por finalizada a primeira xornada, xa que todos/as debíamos voltar ás nosas casas sans e salvos/as e, para moitos/as de nós, isto era unha odisea que duraba máis dunha hora.
Ao día seguinte, despois do madrugón que acabaría sendo habitual, tivemos a segunda xornada introductoria, esta vez adicada ao motivo polo que todos/as estabamos alí: a educación en Ontario. Ademáis de falarnos de aspectos relevantes do sistema educativo canadense e os seus excelentes resultados en probas internacionais como PISA, presentáronnos os centros educativos e os/as profesores/as de referencia que teríamos durante as próximas tres semanas.
Esa mesma tarde, a maioría de nós seguiu coñecendo a cidade na que iamos pasar a meirande parte do noso tempo de lecer.
O venres desa mesma semana fixemos a única excursión conxunta que estaba incluída dentro do programa: visita a unha sucrerie (lugar onde se fai o famoso sirope de arce), na que xantamos e pasamos un rato estupendo con música en vivo e todo. Pola tarde dirixímonos a Monreal, onde case todos/as nós decidimos quedarnos a pasar a fin de semana, en lugar de voltar de novo a Ottawa como estaba previsto.
O grupo co que estaba eu, fomos o sábado a pasar o día a cidade de Québec e visitamos tamén as non tan coñecidas cataratas Montmorency. O domingo pola tarde xa tiñamos que regresar a Ottawa polo que quixemos aproveitar ao máximo o pouco tempo que nos quedaba na illa de Monreal, subindo ao monte que da nome a cidade e que ofrece unhas vistas espectaculares da mesma. Despois de deambular un pouco máis polas rúas da metrópoli, collemos o tren de volta, xa cos nervios polo comezo nos coles no corpo.
Se a primeira semana foi intensa, as seguintes non foron menos... Algunha xente pensará que estivemos de vacacións pero nada máis lonxe da realidade...os días parecían ter 36 horas!
A segunda semana consistiu en darnos a coñecer e familiarizarnos cos centros educativos. Toda unha experiencia e, sen dúbida, inesquecible! Era a razón de ser de tan longa viaxe e, na miña opinión, o mellor da miña estadía.
Ata ese momento fixeramos todas as actividades xuntos/as e, polo tanto, supuxo tamén a verdadeira inmersión na realidade canadense. Só nos vimos o mércores para facer unha Scape room en pequenos grupos que, por certo, foi moi divertido.
Esa fin de semana tampouco tiñamos nada planificado polo que, xa dependendo dos gustos, preferencias e apetencias de cada un/ha, fixéronse distintas actividades. No meu caso, como me gusta bastante a natureza e pasear, alugamos un coche para ir ata o parque Gatineau e facer un pouco de sendeirismo. Esa mesma noite, puiden probar a xogar ao curling que é bastante máis difícil do que parece a simple vista...
O domingo volvemos ir cara o norte, xa na provincia de Québec, para visitar o Parque Omega, que conta con animais típicos da fauna canadense e que se atopan en semiliberdade. Alí puidemos ver dende ben preto infinidade de cérvidos, lobos, raposos árticos, xabarís, osos, bisontes, esquíos, etc.
Xa de volta, fixemos unha breve parada no Castelo de Montebello para ver o mellor momento do día: o solpor.
Na nosa segunda semana de colexio xa estabamos como peixes na auga. Moitos/as de nós tivemos a oportunidade de entrar en distintas aulas e facer as presentacións de aspectos de España ou Galicia que traiamos preparadas. Deste xeito compartimos un anaquiño da nosa cultura e pasamos tempo cos/as distintos/as nenos/as. Simultáneamente, tamén puidemos ver outras clases e a súa maneira de traballar.
De novo foi unha semana bastante axetreada xa que, durante as tardes, aproveitei para visitar tres dos principais museos que ofrece a cidade que, como capital, ten moito que ofrecer culturalmente. O xoves anterior visitara o museo que acabou sendo o meu favorito: a National Art Gallery. A esa semana tocáronlle o Canadian Museum of Nature, o Canadian Museum of Science and Technology e o War Museum. Ademais, como actividade conxunta, asistimos a representación da obra teatral Miss Bennet : Christmas at Pemberley, polo que resultou ser unha semana moi "cultural".
Xa para rematar, esa fin de semana volvemos alugar un coche. Esta vez o destino eran as cataratas do Niágara, o pobo de Niagara-on-the-lake rodeado por múltiples viñedos e bodegas, e a cidade de Kingston, preto da impresionante paisaxe que conforman as denominadas mil illas. Pasamos outra fin de semana fantástica!
A última semana comezou xa coa sensación de morriña propia da data que se achegaba: o final da nosa estadía. Ía ser unha semana máis curta do habitual pois o venres en lugar de ir ás escolas, reunímonos na casa de Kary, unha das representantes e organizadoras do programa, co fin de despedirnos, compartir e analizar as nosas experiencias a todos os niveis. Ademáis, coincidiu que o mércores tampouco houbo clase porque os/as distintos/as membros da comunidade educativa estiveron en folga con motivo, entre outras cousas, do inminente aumento da ratio por aula. O xoves foi o día das despedidas e dos agradecementos nos coles e tamén o da última visita conxunta: o Canadian Museum of History.
O domingo xa saía o avión de volta polo que houbo que aproveitar o sábado ao máximo. No meu caso adiqueillo a dar un paseo impresionante ao longo de todo o Canal Rideau, patrimonio da Unesco, ata chegar ás cataratas de Hog's Back, voltando ao centro pola beira do río que leva o mesmo nome que a cidade. Un adeus case perfecto! Quizais un "deica outra"...
No hay comentarios:
Publicar un comentario